Detalle do servizo

Exercicio de dereitos de protección de datos

A lexislación vixente en protección de datos de carácter persoal fixa unha serie de dereitos que calquera cidadán pode exercer ante calquera empresa ou entidade, no que concirne ao tratamento dos seus Datos de Carácter Persoal, co fin de salvagardar a súa honra e intimidade tanto persoal coma familiar: os dereitos de acceso, rectificación, supresión, portabilidade, limitación e oposición.

Aena S.M.E., S.A. pon á súa disposición as pautas básicas que debe seguir, así como os modelos non obrigatorios que poderá utilizar para solicitar os seus dereitos de protección de datos fronte a Aena S.M.E.,S.A., Aena Desarrollo Internacional S.M.E.,S.A. o Aena Sociedad Concesionaria de la Región de Murcia S.M.E.,S.A, dispoñibles no Portal de Servizos Telemáticos.

Cómpre salientar que o exercicio de dereitos de Protección de datos é personalísimo, é dicir, poderá ser exercido exclusivamente polo propietario dos Datos de Carácter Persoal ou por un representante legal deste.

Os dereitos recoñecidos pola lexislación vixente, que poden ser solicitados polo titular dos datos, son os seguintes:

Dereito de acceso

É a facultade ou capacidade que se recoñece ao interesado de obter información sobre se os seus datos de carácter persoal están a ser obxecto de tratamento, a finalidade do tratamento, a orixe destes e as cesións ou comunicacións realizadas ou que se prevexan realizar e, se é o caso, o prazo de conservación dos seus datos. O interesado ten dereito a contrastar que a Lei se cumpre e a detectar posibles incumprimentos por parte das entidades que traten os seus datos.

Dereito de rectificación

É a facultade ou capacidade do interesado pola que pode instar o responsable do tratamento a cumprir coa obriga de manter a exactitude dos datos, rectificando os datos de carácter persoal cando resulten incompletos ou inexactos, dando lugar a que o tratamento sexa fiel reflexo da realidade.

Dereito de supresión

É a facultade ou capacidade do interesado pola que pode instar o responsable do tratamento a que se exclúan dun tratamento a totalidade ou unha parte dos datos de carácter persoal cando estes xa non sexan necesarios en relación aos fins polos cales se obtiveron ou foron obxecto de tratamento, ou estes sexan excesivos, ou cando o seu tratamento non se axuste á Lei. Non obstante, os datos de carácter persoal deberán ser conservados durante os prazos previstos nas disposicións aplicables ou, se é o caso, nas relacións contractuais entre a persoa ou entidade responsable do tratamento e o interesado. En definitiva, establécese na Lei a posibilidade de que o responsable do tratamento se opoña á solicitude de supresión cando existan causas para iso, xa for ao amparo legal do tratamento ou á existencia dalgunha relación contractual entre o interesado e o responsable do ficheiro, que deberá ser resolta antes de proceder á supresión (supostos onde o tratamento é esencial para a execución do contrato).

Dereito de oposición

Consiste no dereito do interesado a que non se leve a cabo o tratamento dos seus datos de carácter persoal, ou se cese neste cando: a) non sexa necesario o seu consentimento para o tratamento, como consecuencia da concorrencia dun motivo lexítimo e fundado, referido á súa concreta situación persoal que o xustifique, sempre que unha lei non dispoña o contrario; b) se trate de tratamentos que teñan por finalidade a realización de actividades de mercadotecnia, publicidade e prospección comercial, incluída a elaboración de perfís calquera que sexa a empresa responsable da súa creación; c) teña por finalidade a adopción dunha decisión referida ao interesado e baseada unicamente nun tratamento automatizado dos seus datos de carácter persoal.

Dereito de portabilidade

É a facultade ou capacidade do interesado pola que pode instar o responsable do tratamento a facilitarlle os datos persoais que proporcionou nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica, e a transmitilos a outro responsable do tratamento. Este dereito, que se aplica baixo determinadas condicións, protexe a elección, o control e a capacitación dos usuarios.

Dereito de limitación do tratamento


É a facultade ou capacidade do interesado pola que pode instar o responsable do tratamento á limitación dos datos que son obxecto de tratamento, cando se cumpran as seguintes condicións:

  1. Que o interesado impugne a exactitude dos datos persoais, durante un prazo que permita ao responsable verificar a súa exactitude.
  2. Que o tratamento realizado sexa ilícito e o interesado se opoña á supresión dos datos persoais e solicite no seu lugar a limitación do seu uso.
  3. Que o responsable non precise o tratamento dos datos persoais para os fins polos que foron solicitados, pero o interesado solicita o seu mantemento para a formulación e exercicio ou a defensa de reclamacións.
  4. Que o interesado exercera o seu dereito de supresión e se manteñan durante o prazo para a súa verificación.

Contacto

Unidade responsable:
Oficina Central de Protección de Datos (OCPD)
Enderezo postal:
Peonías, 1228042 Madrid
Enderezo electrónico:
ocpd@aena.es